A Sociedade Galega de Historia Natural advirte sobre toxicidade da "sopa de algas e cianobacterias"
Aspecto actual do encoro |
De acordo coas últimas noticias comunicadas polos veciños do encoro, un equipo de mergulladores comprobou o 2 de xuño que "a sopa de algas e cianobacterias" ten ata 10 metros de espesor e que aos 14 de profundidade atópanse pelotas "enormes" de algas. Nos últimos días saltou aos medios de comunicación a noticia da “aparición dunha mancha verde na superficie das augas do encoro de As Conchas”, inicialmente sinalada como “de orixe descoñecida” e logo identificada como “un fenómeno natural provocado polas altas temperaturas” e “o crecemento de algas” e “cianobacterias tóxicas”. Na realidade, o fenómeno só é "natural" na súa manifestación máis visible pero a súa orixe, as súas causas verdadeiras, non son en absoluto naturais.
O que está a acontecer no encoro de As Conchas dende hai varios anos (con máis intensidade agora) é un “exemplo de libro” de eutrofización. A deficiente depuración de augas residuais na cabeceira do río Limia é a fortísima contaminación agro-gandeira difusa orixinada na chaira de A Limia orixinan unha excesiva concentración de nutrientes nas augas que son arrastrados augas abaixo ata o encoro de As Conchas, onde a temperatura das augas encoradas aumenta cos primeiros calores da primavera e o verán.
E así xa temos todos os ingredientes para unha proliferación explosiva de algas e cianobacterias: unhas concentracións de nutrientes (sobre todo nitróxeno e fósforo) moi por enrriba dos niveis naturais e unhas temperaturas elevadas.
Como todo o que vive acaba morrendo, as algas e cianobacterias mortas caen ao fondo das augas onde comezan a podrecer. Posto que a cantidade de algas e cianobacterias mortas depositadas no fondo pode ser moi grande, no proceso da súa descomposición chega a consumirse todo o osíxeno disolto na auga (que xa non é moito ao estar quente).
Consecuencias: malos cheiros, augas non aptas para o baño e moito menos para o consumo humano. Mesmo son mortais para moitas especies de animais acuáticos.
Solución: a idea de “limpar” as augas do encoro é inviable e inútil. O que hai que facer dunha vez por todas é resolver o problema da contaminación agro-gandeira difusa orixinada pola fertilización excesiva e a xestión inadecuada dos residuos gandeiros (estercos, galiñaza, puríns) na chaira de A Limia e depurar axeitadamente todas as augas residuais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario