Encontro nacional de escritores para defender o uso público do mosteiro

 Celebrarase nas aulas do IES de Celanova o sábado 9 de abril


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convoca os escritores e escritoras galegas á participación activa no acto que se celebrará o vindeiro sábado 9 de abril no IES de Celanova. Non é esta a primeira actuación de compromiso conxunto da AELG coa Plataforma en Defensa do Poleiro, que constituíu unha proclama unánime no libro "En defensa do Poleiro": a voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro de Celanova”. Mais os escritores galegos entenden que é preciso “continuarmos manifestando o noso apoio explícito coa sociedade e mais co ensino público galego, á vista do nulo avance neste tempo que garanta que o instituto de Celanova poida continuar no mesmo lugar: o mosteiro de Celanova”.



A AELG lembra que a corporación municipal —coa complicidade do goberno actual da Xunta de Galiza— pretende, aducindo vagas e contraditorias xustificacións, espoliar un ben senlleiro do patrimonio de todos, representado polas dependencias do mosteiro de Celanova que acollen as aulas do instituto. Nas instalacións deste edificio, que é un dos emblemas da historia e da cultura de Galiza, fórmase o alumnado dunha ampla área xeográfica. Mercé ao investimento continuado de fondos públicos, é exemplo da adaptación dun edificio histórico aos máis modernos usos educativos, avalados tanto en resultados académicos como en acondicionamento arquitectónico e tecnolóxico, polo que a tentativa de pór en mans privadas un edificio de titularidade pública —destinado ao mellor uso que se lle pode dar, a formación de toda a mocidade da bisbarra— é un atentado perpetrado dende as premisas neoliberais. “Agora cómpre amosarmos novamente a nosa solidariedade con esta causa, que é de todos, participando no acto que se vai celebrar o 9 de abril nas aulas do instituto”. Podes consultar o programa aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario