A Xunta licita a construción dunha gardería na Merca

O novo centro entrará en funcionamento cara a finais deste ano con 41 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da obra de construción dunha escola infantil de 41 prazas en A Manchica, no Concello de A Merca. Segundo se recolle nos pregos, o prezo de licitación ascende a 546.871 euros. O prazo de execución dos traballos será de seis meses e a entrada en funcionamento da nova escola está prevista para finais deste mesmo ano.

A construción deste centro para nenos e nenas de 0 a 3 anos prodúcese no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil. A Consellería de Traballo e Benestar puxo xa en funcionamento no que vai de lexislatura 2.000 novas prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos e ao longo de 2011 creará ao redor de 1.000 en novos centros nas catro provincias.

Para este ano, na provincia de Ourense están planificadas novas escolas nos concellos de Oímbra, Verín e Cartelle, esta última xa licitada o pasado mes de marzo. Con estas aperturas A Rede de Escolas Infantís de Galicia A Galiña Azul acadará os 29 centros 0-3 na provincia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario